Monday 29 de April de 2024

Cinco membros da Policía Local da Coruña, recoñecidos nos Premios Nacionais do Programa Axente Titor


Os funcionarios e funcionarias recibiron en Madrid a Cruz ao Mérito Policial por ser referentes a nivel galego nesta iniciativa

O Servizo de Axente Titor da Policía Local da Coruña foi recoñecido nos III Premios Nacionais ás Boas Prácticas do Programa Marco Axente Titor, que tiveron lugar este martes 12 de decembro en Madrid. Esta iniciativa está impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias e a Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas.

En total, no acto recoñeceuse o labor de 21 entidades locais por 24 boas prácticas nas que participaron 43 axentes titores. No caso coruñés, as persoas integrantes do Servizo de Axente Titor da Policía Local da Coruña recibiron a Cruz ao Mérito Policial por ser os primeiros policías locais que prestaron ou prestan este servizo na cidade e sendo unha referencia en toda Galicia.

As persoas que recibiron este recoñecemento foron o oficial César Luis Castro Freguela e os axentes Paula López Vila, Lucía Crespo Barbeito, Jesús Rial San Isidro e Fabiana SalgueiroSilva. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, recibirá nos vindeiros días as persoas distinguidas. A rexedora destacou o gran labor levado a cabo na cidade entre os menores con este programa.

O programa Marco Axente Titor arrancou no ano 2001 e céntrase na intervención no ámbito da protección ao menor e a prevención no entorno escolar. O seu obxectivo é resolver conflitos da infancia e adolescencia ante problemáticas vencelladas ao medio aberto, ao medio tecnolóxico, ao medio ambiente ou posibles adiccións ás drogas.